Crecen de novo os casos activos por covid-19 ata os 433, tras 29 novos contaxios nun día

Pontevedra
18 de maio 2021

A tendencia descendente na incidencia da pandemia freouse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que, nas últimas 24 horas, experimentou un novo repunte. Ata 29 novos contaxios sitúan os casos activos en 433. Son sete máis que onte

Xente paseando con máscaras en Pontevedra
Xente paseando con máscaras en Pontevedra / Cristina Saiz

A tendencia descendente na incidencia da pandemia freouse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que, nas últimas 24 horas, experimentou un novo repunte. Ata 29 novos contaxios sitúan os casos activos en 433. Son sete máis que onte.

O número de pacientes hospitalizados, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde, mantense sen cambios. Hai 29 persoas ingresadas nos tres hospitais da área sanitaria. 

A maior parte deles (13) están en planta, en Montecelo. Outros sete están a ser atendidos no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Pola súa banda, hai nove pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.

O resto dos que contraeron o virus, outras 404 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 13.458 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 22 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 175 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 229.877, 846 nas últimas horas. Delas, 24 deron positivo (2,83%). A estas probas súmanse as 115.115 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.805, 16 máis que o día anterior. Deles 605 son da área da Coruña, 179 da de Lugo, 223 da de Ourense, 433 da de Pontevedra, 843 da área de Vigo, 435 da de Santiago e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 37 están en UCI, 139 en unidades de hospitalización e 2.629 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 119.870 persoas curadas, rexistrándose 2.405 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.179.656 probas PCR, 5.298 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 105 novos infectados.