As Festas de Verán comezarán en xuño cun formato modificable e na liña da programación de 2020

Pontevedra
18 de maio 2021

Carme da Silva, concelleira de Festas, afirma que o Concello traballa na programación das festas atendendo á hipótese máis desfavorable e sinala que comezarán con antelación para dar espazo a máis actividades. O protagonismo será para propostas culturais galegas que volverán espallarse en diversos puntos da cidade para evitar aglomeracións, adaptándose ás normas sanitarias

Tirada de fogos en Montero Ríos
Tirada de fogos en Montero Ríos / Cristina Saiz - Arquivo

Carme da Silva, concelleira de Festas, recoñece que para a programación das Festas de Verán "estamos traballando na hipótese máis desfavorable". Desta forma contémplase unha celebración de actos seguindo a mesma fórmula de 2020 con limitación de capacidade de público e evitando aglomeracións

A representante municipal indicou que, en breve prazo de tempo, vai coñecerse parte desta programación que se iniciará en xuño, aproximadamente un mes antes do habitual. Segundo explicou a concelleira a intención é que se desenvolvan máis actividades tendo en cuenta as limitacións de aforo.

Ademais, as iniciativas previstas poderán adaptarse se cambian as normas, no caso de que se consiga unha maior inmunidade da poboación. Inicialmente, os técnicos municipais do departamento de Cultura traballan coa idea de establecer espazos con público sentado e coa distancia marcada pola normativa actual.

En canto ás actividades feirais na Alameda sinalou que, a día de hoxe, non se contemplan coas normas establecidas pola Xunta nas que sería preciso contar cun perímetro pechado, control de acceso e restrición en cada unha das atraccións. Indicou que o goberno local mantense tamén alerta vendo que medidas se adoptan noutros municipios como o de Santiago de Compostela.

"Se cambian as situacións e se poden facer sen risco, vamos intentar facer o que sexa necesario", apuntou a concelleira, que lembrou que en 2020 desenvolvéronse 300 actividades durante as festas con capacidade de público controlada. Indicou que estas iniciativas son fundamentais para o sector cultural e tamén axudan ao comercio e hostalería local a través do retorno económico que conleva unha programación festiva.

Agradeceu o esforzo que o servizo de Cultura e as diferentes entidades do sector cultural desenvolven para traballar con anticipación ante esta situación de incerteza. A programación será fundamentalmente de artistas e agrupacións galegas, con principal protagonismo local.

Neste sentido, Carme da Silva indicou que se demostrou que existe unha "potencia cultural oculta" que xurdiu grazas ao cambio de formatos das actividades con motivo da pandemia e, segundo explicou, "cos nosos grupos e o sector cultural poden facerse festas estupendas". Afirmou que para organizar a programación é importante centrarse nas propostas dentro de Galicia porque a situación epidemiolóxica non é a mesma en todo o territorio estatal nin internacional.

As actividades tamén se desenvolverán de maneira descentralizada. Volverán a crearse escenarios céntricos na praza de España, na Alameda e na Ferrería pero tamén se utilizarán, como en 2020, as pistas de Campolongo, a contorna do Gafos, A Parda ou Monte Porreiro. En canto á tirada de fogos, os técnicos traballan nun sistema similar ao da pasada edición que contou con lanzamentos sorpresa en distintos emprazamentos para evitar aglomeracións de público.

Carme da Silva adiantou tamén que sobre a Feira Franca é cedo para avanzar que sucederá porque posiblemente as condicións sanitarias en setembro non teñan relación algunha coas actuais e será necesario comprobar as posibles variacións da pandemia.