Cribado masivo no IES de Cotobade tras detectarse varios positivos en covid-19 entre o alumnado

Cerdedo Cotobade
03 de maio 2021

As probas realizaranse este martes 4 de maio ao alumnado dos cursos segundo, terceiro e cuarto de ESO, así como ao persoal docente e non docente do centro educativo. A maiores, o alumnado de primeiro xa está baixo control do Sergas, a súa aula está pechada e suspendéronse as clases presenciais 

IES Cotobade
IES Cotobade

O Servizo Galego de Saúde realizará un cribado masivo con probas PCR IES de Cotobade este martes para poder saber a situación epidemiolóxica do centro educativo despois de que se detectaran varios casos positivos de covid-19 entre o alumnado.

As probas realizaranse ao alumnado dos cursos segundo, terceiro e cuarto de ESO, así como ao persoal docente e non docente do centro educativo.

A maiores, o alumnado de primeiro e o profesorado que imparte clases a este curso xa está baixo control do Sergas porque nos últimos días se detectaron varios positivos.

A aula de primeiro curso está pechada porque se detectaron varios positivos na mesma clase e as autoridades educativas acordaron a corentena para todo o alumnado e profesorado.

O pasado venres xa se detectara un caso positivo dun alumno que foi sometido a unha proba por ser contacto estreito dun positivo en covid-19 e as consellerías de Educación e Sanidade aplicaron o protocolo para estes casos, que implica o seguimento dos contactos directos. Froito deste control, detectáronse dous positivos máis no mesmo curso e acordouse a corentena xeral.

Desta maneira, a clase de primeiro de ESO non ten clases presenciais, pero si en liña.