Crítica do BNG ao goberno de Marín por promocionar churrascadas no Lago de Castiñeiras en plena alerta de incendios

Marín
23 de agosto 2025
Actualizado: 12:28

Os nacionalistas acusan o PP local de "irresponsables" por difundir actividades con lume nun espazo natural mentres o nivel de risco era alto e ardían montes en municipios limítrofes

Lagoa de Castiñeiras
Lagoa de Castiñeiras / PontevedraViva

O BNG de Marín manifestou a súa "profunda preocupación" e emitiu unha denuncia pública contra o goberno municipal do PP por promocionar, o pasado 22 de agosto, as churrascadas no Lago de Castiñeiras a través das redes sociais institucionais vinculadas á área de Turismo.

A polémica xurdiu porque a publicación coincidiu cunha xornada na que o Índice de Risco Diario de Incendios Forestais (IRDI) da Xunta situaba o nivel no alto , no marco dunha vaga de lumes que afectaba á comarca e con focos activos en concellos próximos como Vilaboa.

A formación lembrou que, aínda que os asadores do Lago de Castiñeiras son instalacións homologadas, o seu uso está condicionado á situación de risco. A Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia establece que, en niveis de risco moi alto ou extremo, queda prohibido o emprego do lume en áreas recreativas, e que mesmo en días de risco alto é necesario extremar precaucións e limitar estas prácticas.

Como exemplo, sinalaron que en Vilaboa se precintaron de forma preventiva os seus asadores homologados, mentres que en Marín o executivo local "optou por promocionar churrascadas".

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, criticou a decisión municipal e salientou que "non é de recibo que, mentres a veciñanza contempla con preocupación como arden os montes da contorna, o Concello de Marín difunda actividades que implican lume nun espazo natural de alto valor".

Para ela, "o que toca nestes momentos é reforzar a prevención, extremar as precaucións e transmitir mensaxes de responsabilidade colectiva, non incentivar prácticas que poidan incrementar o risco".

O grupo nacionalista criticou, ademais, a "incoherencia" do goberno local, lembrando que leste mesmo ano suprimíronse os tradicionais fogos de Loira por motivos de seguridade e impulsáronse campañas de sensibilización fronte aos incendios. "Esta dobre mensaxe, ademais de confuso, é irresponsable, porque compromete a credibilidade das propias campañas institucionais", sinalaron desde o BNG.

Neste sentido, Santos insistiu en que "o que pedimos é, simplemente, sentido común e responsabilidade institucional. O Lago de Castiñeiras é un espazo natural de alto valor ecolóxico e social, que merece ser protexido, non exposto a novos riscos nun momento de máxima alerta".

Por todo iso, o BNG concluíu que a seguridade da cidadanía e a preservación do patrimonio natural deben prevalecer sobre calquera iniciativa turística. "O Concello de Marín non estivo á altura das circunstancias", lamentou a portavoz nacionalista.