O comité de empresa de Serviocio BeOne Campolongo, concesionaria que xestiona o complexo deportivo municipal, criticou este xoves a reivindicación da empresa ao pedir un reequilibrio económico ao Concello de Pontevedra xustificándose nunha caída de ingresos pola pandemia.
En concreto e para compensar estas perdas, provocadas polos meses que estivo pechado ou con aforamentos limitados, solicitan una indemnización de 418.550 euros en virtude dunha cláusula de reequilibrio económico á que teñen dereito. Sen acordo, o caso vai dirimirse nos tribunais.
Con todo esta situación non gustou á representación dos traballadores, quen a través do sindicato Comisións Obreiras criticaron a manobra cando "os traballadores e traballadoras non tiveron os incrementos salariais pactados en convenio", defenden.
A representación laboral entende que os empregados do complexo deportivo de Campolongo foron os grandes prexudicados durante a pandemia ao sufrir ERTES nos que o seu soldo se viu reducido ao 70% da súa base de cotización durante o estado de alarma "e posteriormente o 50% e consumindo prestación de desemprego", explica o sindicato.
Ademais defenden "que as empresas, e concretamente esta recibiron axudas de todo tipo por parte das administracións para reducir o impacto económico derivado da pandemia".
Por último, volvendo á actualización dos salarios, o comité de empresa asegura que "a empresa Serviocio BeOne non actualizou os salarios do seu persoal dos anos 2021 e 2022, incumprindo o convenio colectivo de instalacións deportivas e ximnasios de Galicia".