Críticas á marcha do Centro de Fauna Salvaxe de Castiñeiras para Cotobade

Marín
20 de febreiro 2016

O BNG de Marín critica a pasividade do goberno local que lidera María Ramallo ante a decisión da Xunta de Galicia

Abandono no parque da Lagoa de Castiñeiras
Abandono no parque da Lagoa de Castiñeiras / Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo

­

O BNG de Marín móstrase preocupado pola decisión da Xunta de Galicia de levar o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Castiñeiras para o concello de Cotobade e critican a pasividade do goberno local de Marín.

Desta forma, os nacionalistas lamentan que a alcaldesa María Ramallo non mostrase a máis "mínima resistencia" ante as palabras da conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, cando afirmaba que poñería o foco no concello de Cotobade no que se refire á atención á fauna. Desde o BNG, a portavoz municipal Pilar Branco sinala que Marín queda sen un centro de referencia despois de décadas de funcionamento.

Os nacionalistas entenden que, desta forma, asistirase ao desmantelamento das instalacións de Castiñeiras, que consideran a maior área recreativa de Galicia a pesar de sufrir anos de abandono e deterioración.

Por este motivo, o BNG ten previsto presentar unha iniciativa no Parlamento galego par reclamar explicacións ao goberno da Xunta sobre as razóns que levan á Consellería para deixar ao Concello de Marín sen o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Cotorredondo.