Críticas ao goberno local por "pechar as portas" aos traballadores do servizo de axuda no fogar

Pontevedra
07 de marzo 2016

O sindicato Comisións Obreiras criticou ao goberno local de Pontevedra por negarse a recibir ao comité de empresa do Servizo de Axuda a domicilio, que solicitara que fosen tidas en conta as súas achegas no prego de condicións do novo concurso público

Servizo de Axuda no Fogar
Servizo de Axuda no Fogar

O sindicato Comisións Obreiras criticou ao goberno local de Pontevedra por negarse a recibir ao comité de empresa do Servizo de Axuda a domicilio, que solicitara que fosen tidas en conta as súas achegas no prego de condicións do novo concurso público.

Este sindicato anunica que iniciará unha roda de entrevistas co resto de partidos políticos con representación na corporación municipal "ao pecharlle as portas o concello ao comité de emrpesa representado por cinco delegadas de CC.OO.".

O pasado día 4 de febreiro rexistrouse un escrito solicitando unha reunión coa concelleira de Servizos Sociais, Carme Fouces, na que pretendían trasladarlle o seu interese para que o prego de condicións estipule o convenio de aplicación, "xa que a actual adxudicataria aplica ilegalmente o Convenio Estatal no canto do Convenio Autonómico, a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa se pronunciou no ano 2013", afirmaron desde Comisións Obreiras.

Segundo informou, Luís Rodas García, responsable comarcal de CC.OO. de Construción e Servizos de Pontevedra, a inspección de Traballo acaba de sancionar a Clece, S.A., actual adxudicataria por non elaborar un calendario anual, ter xornadas ilegais de menos das 25 horas semanais que marca o convenio, non respectar o desacanso semanal das traballadoras, e tamén sancionou á empresa por fraude á Seguridade Social xa que aplica salarios do 2011. Obviando as subidas desde o ano 2011 ao 2014 que suman máis dun 9%, non cotizando á Seguridade Social.