Críticas da oposición ante a "opaca" oferta do BNG para presidir comisións informativas

Pontevedra
23 de xuño 2015

Xa data para a constitución das comisións informativas do Concello de Pontevedra. Será este xoves 25 de xuño, a partir das dez da mañá. E tras a Xunta de Voceiros celebrada este martes, parece complicado que finalmente algunha delas vaia estar presidida pola oposición

Xuntanza dos voceiros dos cinco grupos políticos representados no Concello
Xuntanza dos voceiros dos cinco grupos políticos representados no Concello /

Xa data para a constitución das comisións informativas do Concello de Pontevedra. Será este xoves 25 de xuño, a partir das dez da mañá. A primeira será a de Réxime Interior e a partir de aí, cada dez minutos, será a quenda de Urbanismo, Benestar, Infraestruturas, Economía e a comisión de Suxestións. A mañá concluirá coa primeira reunión da nova xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes.

E tras a Xunta de Voceiros celebrada este martes, parece complicado que finalmente algunha delas vaia estar presidida pola oposición. Partido Popular, PSdeG-PSOE e Marea coinciden en cualificar a oferta do BNG como un "paripé" e critican a "opacidade" deste ofrecemento, xa que segundo o popular César Abal asegurou que "no están claras las funciones que tendríamos ni si podríamos incorporar asuntos al orden del día".

Precisamente o PP mostrou o seu interese en presidir a comisión de Economía, Facenda, Promoción económica e Turismo, pero teme perder "capacidad para fiscalizar" ao goberno "ya que como presidente no podríamos interpelar al concejal del área".

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, afirmou que a participación e a transparencia na xestión municipal "se hace de otra manera" e lamentou que o BNG non teña unha proposta "seria" para regular o funcionamento destas comisións informativas. Ademais, lamentou a "incoherencia" que, ao seu xuízo, supón este ofrecemento "al mismo tiempo que se niegan medios a la oposición para hacer nuestro trabajo".

Dende Marea Pontevedra, Luis Rei asegurou que tamén estarían interesados en presidir unha delas "se formara parte dun compromiso serio coa transparencia", afirmando mesmo que a oposición debería de presidilas todas. Aínda así, recoñeceu que "non sei se sería posible porque temos moitas dificultades de funcionamento", debido á organización municipal aprobada polo BNG coa abstención do Partido Popular.

A VOLTA COS LOCAIS

Ao fío destas críticas, Raimundo González recordou que estas comisións informativas analizan "todos os asuntos que van a pleno", incluídas as mocións que poden presentar cada un dos partidos. Neste sentido, apuntou que as competencias do presidente "poden chegar ata todas as lexislativas que ten cada comisión", ante o cal "non poremos ningunha cortapisa". Tamén contará co voto de calidade en caso de empate nunha votación.

Ademais, o voceiro do BNG reiterou que a cada partido da oposición se lle ofreceu un local en dependencias municipais, a pesar de que a lei non lles obriga a iso, pero que salvo o PP ninguén máis o aceptou. De feito, tanto o PSdeG-PSOE coma Marea denunciaron que a devandita oferta "foi de palabra e non nos consta ningún ofrecemento formal". Ambos os dous terían reservados, segundo Raimundo González, senllas oficinas no Teatro Principal.