Críticas do BNG á suba salarial do goberno de Telmo Martín e ao "escollo" para asistir a plenos

Sanxenxo
21 de xuño 2023

Segundo os nacionalistas, a maioría absoluta do Partido Popular en Sanxenxo ten unha primeira consecuencia negativa para as arcas públicas ao supoñer un incremento salarial de case o 40% con respecto ao goberno do ano 2015. Critican tamén que os plenos sexan os luns ás 10.00 horas ao entender que dificultan a presenza de público e a conciliación laboral da oposición

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, acompañado por integrantes do seu goberno Concello de Sanxenxo

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo critica as primeiras medidas do novo goberno de Telmo Martín (PP) en Sanxenxo.

Sinala que a maioría absoluta obtida polos populares ten como primeira consecuencia unha subida salarial de case o 40% con respecto ao goberno do mandato de 2015, cando o BNG formaba parte dunha coalición alternativa; e un 18% máis que o do PP do anterior mandato.

Indican que a cifra conxunta do que cobrarán os concelleiros populares ascende a 399.200 euros, dos que 57.600 son para retribucións do propio alcalde, que se adxudica unha dedicación parcial.

Sorpréndense porque áreas de concelleiros máis veteranos estean premiadas cunha maior subida salarial malia que perderan contido e traballo respecto ao anterior mandato en áreas de dedicación parcial que permiten compaxinar o cargo con outras facetas profesionais. "Está a premialos con menos traballo e máis cartos", indican desde o grupo que lidera Francisco Leiro.

O BNG tamén denuncia a celebración dos plenos ordinarios durante os luns ás 10.00 horas, medida que consideran dificulta a conciliación laboral das persoas que conforman a oposición, ademais de dificultar a presenza de público na sesión no caso de que se debata algún punto conflitivo.