Críticas do PP ao silencio de Carmela Silva sobre a Lei do Si é Si

Pontevedra
19 de novembro 2022

Pepa Pardo, deputada do Partido Popular na Deputación, critica que a presidenta provincial cale ante a saída de violadores e delincuentes sexuais de prisión como consecuencia da lei aprobada polo goberno socialista. Ana Pastor, parlamentaria popular, demanda a urxente modificación da lei

Pepa Pardo e Ana Pastor diante da Audiencia Provincial
Pepa Pardo e Ana Pastor diante da Audiencia Provincial / Partido Popular

Ana Pastor, deputada nacional do Partido Popular, reclamou en Pontevedra este sábado a modificación urxente da Lei do Si é Si. Tamén a viceportavoz do grupo provincial e vicesecretaria de organización do PP en Pontevedra, Pepa Pardo, criticou a actitude da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao non pronunciarse sobre as consecuencias da aplicación da lei aprobada polo goberno socialista.

As representantes populares lamentan a "chapuza dunha lei que desprotexe ás mulleres e permite a rebaixa de penas por delitos sexuais", por este motivo demandan a rectificación inmediata da norma que, lembran, foi impulsada polo goberno de Pedro Sánchez.

Achacan ao goberno central de actuar cunha "soberbia que lle impide recoñecer o gravísimo erro". Ana Pastor insiste na modificación urxente da lei "perniciosa para as mulleres, e beneficiosa para os agresores sexuais", ademais pide ao goberno que asuma responsabilidades.

Pola súa banda, Pepa Pardo lamento que durante o despregamento da pancarta do 25N no Pazo Provincial, a presidenta Carmela Silva calase "de forma ridícula ante a chapuza da Lei do Si é Si". Pardo lémbralle á presidenta provincial que cualificou ao Partido Popular de "mala xente" cando o PP alertou desa posibilidade de excarceración e rebaixas penais.

"Hoxe pregunto eu a Carmela Silva, se ela considera que hai unha soa muller que poida estar conforme con esta lei que ela tanto defendeu", sinalou a viceportavoz do PP na institución provincial.