Cruz Vermella activa a campaña "Volta ao Cole Solidaria" a favor da infancia en risco social

Pontevedra
03 de setembro 2020

O principal obxectivo é reducir o impacto económico que supón a compra de material escolar para miles de familias en emerxencia social do noso país e contribuír a alcanzar unha educación inclusiva e de calidade

Material escolar Mónica Patxot

Cruz Vermella Española e a Fundación Solidariedade Carrefour poñen en marcha un ano máis a campaña "Volta ao Cole Solidaria", que se desenvolverá os días 4 e 5 de setembro nos centros Carrefour de San Brais e da Barca, en Poio.

O obxectivo é promover a entrega de material escolar a favor de miles de familias en situación de desvantaxe social, con menores en idade escolar, que están a atravesar serias dificultades económicas e non poden facer fronte ao gasto que supón o inicio do novo curso escolar.

Esta iniciativa arranca coa doazón directa por parte da multinacional francesa de 121.000 euros en material escolar, achega coa que se estima poder dar cobertura ás necesidades dos nenos e nenas en situación de vulnerabilidade. Un punto de partida ao que se sumarán as achegas que realicen os cidadáns no marco da presente campaña.

Un equipo de voluntariado será o encargado de atender ás persoas que se acheguen ás mesas instaladas nos nestes hipermercados para doar o material escolar. Algúns dos materiais que se recomendan para a doazón son os seguintes: cadernos, bolígrafos, lapis, rotuladores, plastilina, estuches, ceras de cores, cadernos ou regras, entre outros.

Posteriormente, desde a Cruz Vermella distribuirase este material entre as familias beneficiadas da comarca con menores a cargo.