Este martes 6 de maio, o sindicato CSIF Sanidade protagonizou unha concentración fronte á Subdelegación do Goberno en protesta polo que cualifican como "promesas incumpridas" do Ministerio de Sanidade.
A mobilización, que se replicou en diferentes puntos de España, busca visibilizar o malestar do persoal do Sistema Nacional de Saúde tras máis de dous anos de reunións sen avances tanxibles.
"Xa abonda de palabras baleiras!", foi a lema co que CSIF convocou a profesionais sanitarios para denunciar que a ministra de Sanidade, Mónica García, incumpriu os compromisos adquiridos, especialmente en materia económica e de mellora de condicións laborais. Segundo a organización, as demandas dos traballadores seguen sen resposta, mentres crece o desgaste físico e emocional entre os profesionais.
Entre as principais reivindicacións, CSIF esixe a aprobación dun novo Estatuto Marco que inclúa a todas as categorías do sector sanitario, cunha clasificación profesional xusta e retribucións axeitadas. Tamén solicitan a posibilidade de acceder a unha xubilación anticipada e parcial mediante coeficientes redutores, en recoñecemento ao esforzo que implica coidar da saúde da poboación.
Outra das peticións é a adecuación inmediata dos técnicos medios e superiores aos grupos C1 e B, respectivamente, tal como contempla o artigo 76 do Estatuto Básico do Empregado Público (TREBEP). "É unha cuestión de xustiza profesional", remarcan desde o sindicato.
Xosé Lois Martínez, responsable do sector de sanidade do CSIF en Pontevedra, indicaba que están cansos de "promesas incumpridas. Levamos un montón de reunións sen unha proposta xusta nin coherente enriba da mesa".

A organización tamén reclama a recuperación da estrutura salarial previa aos recortes de 2010, o cobro íntegro da paga extra, un réxime de incompatibilidades que non empuxe os profesionais cara á sanidade privada, e un aumento urxente do financiamento e os cadros de persoal para garantir unha atención sanitaria de calidade.
Desde CSIF anuncian que continuarán con reunións con grupos parlamentarios, iniciativas ante institucións europeas e unha campaña informativa nos centros de traballo. "Sen profesionais non hai Sanidade, e a nosa loita é pola dignidade do SNS e pola saúde de toda a cidadanía", alegan sinalando que os profesionais sanitarios "están fartos".