Cubela acusa o PSOE de impulsar unha plataforma veciñal para "rebentar" a fusión con Cerdedo

Cerdedo Cotobade
03 de marzo 2016

Cubela lamentou que, en lugar de colaborar con este proceso, os socialistas de ambos os municipios "decidiron optar por buscar a división, a belixerancia e o malmeter" fronte a aqueles que apoian a unha fusión que pretende "dar máis forza a estes dous territorios"

Reunión veciñal sobre a fusión entre Cotobade e Cerdedo Concello de Cotobade

A plataforma veciñal que se opón á fusión entre Cotobade e Cerdedo foi impulsada polo PSOE para "rebentar" a fusión anunciada hai uns días. Así de contundente mostrouse o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, que acusou aos socialistas de moverse con "fins electorais" e de vivir "descolocados na esquizofrenia" ao lembrar que o seu partido a nivel nacional é favorable a este tipo de fusións.

Cubela lamentou que, en lugar de colaborar con este proceso, os socialistas de ambos os municipios "decidiron optar por buscar a división, a belixerancia e o malmeter" fronte a aqueles que apoian a unha fusión que pretende "dar máis forza a estes dous territorios".

Con respecto ás reunións veciñais que se están celebrando nos últimos días, o rexedor de Cotobade sinalou que, tras o anuncio de fusión, o PSOE "reprochábanos que non informábamos os veciños e agora que estamos a facer un esforzo para chegar a todos a gran velocidade, din que temos algo que ocultar", polo que entende que esta postura é "falar por falar".

Jorge Cubela asegura que "centos de cotobadeses" e representantes de todos os colectivos do municipio están a asistir a estas reunións e participan "activamente" neste proceso realizando achegas e suxestións, polo que avanzou que a pesar da oposición do PSOE "imos seguir construíndo esta alternativa para ver se pode ser a base do futuro de Cotobade sen deixalo morrer".

Ademais, o alcalde quixo resolver as "dúbidas" dos socialistas sobre o mantemento de servizos como o Punto de Atención Continuada (PAC), os tres colexios ou o xulgado de paz, afirmando que se manterán todos eles e que, se a fusión frutifica "trataremos de ofrecer máis servizos públicos"; e afirma que "minten" cando aseguran que o proxecto non está determinado, xa que salvo dúas cuestións "todo está perfectamente cifrado e estimado".

"Encomiei a súa responsabilidade e lealdade co proxecto, pero foi unha pena que a altura de miras só lles durase apenas sete días. Aínda que soe duro, creo que Cotobade merece outra oposición, Cotobade merece algo máis", concluíu.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora