Representantes das comunidades de montes de Carballedo, Loureiro e Borela mantiñan un encontro con Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, para tratar o proxecto previsto de creación do Parque Eólico Os Cotos.
A empresa promotora xa presentou #ante a Xunta de Galicia a modificación da concesión obtida no ano 2010 e sairá a exposición pública en próximas semanas. Ante esta situación, as comunidades de montes trasladaron a súa preocupación ao alcalde, que anunciou a súa intención de impulsar asembleas informativas e crear unha fronte común coa veciñanza que se queira sumar para ofrecer unha "oposición seria e contundente fronte a este parque eólico" a través de mobilizacións sociais.
A primeira acción anunciada por Cubela será acudir aos técnicos municipais en Urbanismo e Medio Ambiente para, a continuación, contratar á empresa Tysga, especializada neste tipo de casos, ao redactar as alegacións no documento interposto polo Concello ante outros proxectos eólicos anunciados para o municipio.
Jorge Cubela recoñeceu na reunión que descoñece o alcance real do proxecto presentado polos promotores do Parque Eólico Os Cotos, pero mostrou a súa desconfianza sobre a conveniencia desta instalación na localización.
Demandou aos representantes veciñais unidade de acción e acordar medidas activas para opoñerse a esta iniciativa. O rexedor considera que a irrupción "disparatada" dun importante número de proxectos eólicos saturan as posibilidades do concello desde un punto de vista racional, de sustentabilidade ambiental e do aproveitamento de recursos naturais e turísticos.