Cubela, molesto co Goberno central, pide un pacto entre municipios para reclamar melloras de seguridade viaria na N-541

Cerdedo Cotobade
09 de setembro 2020

Sinala que esta estrada une oito municipios que contan cun total de 218.120 habitantes. Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, alerta das rotondas que están aínda á espera de construírse, as conexións e as medidas redutoras pendentes en puntos do seu municipio. Reclama estas obras de maneira urxente ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

Accidente dun camión articulado na N-541 en Cerdedo-Cotobade
Accidente dun camión articulado na N-541 en Cerdedo-Cotobade / Guardia Civil

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, mostra o seu malestar perante o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda  Urgana, que lidera o ministro José Luis Ábalos, pola falta de reformas na estrada N-541.

Fronte a esta situación, Cubela propón promover un pacto entre os oito municipios de Pontevedra e Ourense por onde pasa este vial,  concellos que suman 218.120 habitantes. Con este pacto esixiríase ao Ministerio que se acometa a reforma integral para dotar de seguridade a esta estrada que presenta un amplo rexistro de siniestralidade.

"Practicamente todas as semanas temos algún sinistro na N-541 no noso concello e cónstame que a situación é similar nos demais municipios, ao que temos que sumar que, desgraciadamente, cada poucos meses rexístrese algún falecemento", afirma o alcalde. Precisamente este domingo falecía un veciño de Marín cando circulaba pola -541 nas proximidades de Cerdedo.

O alcalde poñerase en contacto cos máximos responsables dos municipios de Pontevedra, Forcarei, Boborás, Beariz, O Carballiño, Punxín, Maside e mesmo Ourense coa idea de crear unha fronte común para reclamar ao Ministerio as actuacións necesarias para incrementar a seguridade viaria nunha estrada que une as Rías Baixas co interior de Galicia e a Meseta.

En Cerdedo-Cotobade as melloras pendentes desde hai 28 meses son a rotonda oeste de Cerdedo e a glorieta este; as conexións de Calvelo e O Cábado, ademais da adopción de medidas redutoras de velocidade na parroquia de Folgoso.