Cubela pide á Xunta a eliminación de varias curvas na reforma da estrada PO-230

Cerdedo Cotobade
29 de novembro 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade mantivo un encontro co director da Axencia Galega de Infraestruturas para revisar unha escolma de traballos que a administración autonómica mantén pendentes de realizar no municipio como o da estrada entre Caroi e Cerdedo; a fase final da humanización de Tenorio; e as ampliacións da PO-234 con Ponte Caldelas e a PO-230 con Campo Lameiro

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela / Concello de Cerdedo-Cotobade

Nas últimas horas mantiñan un encontro Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Nesta reunión tratábanse as obras previstas pola Xunta de Galicia no municipio.

O representante autonómico sinalou que a intención da Xunta é abordar os proxectos en breve. Neste sentido indicou que se atopa moi avanzada a redacción do convenio para finalizar a humanización de Tenorio e tamén o proxecto técnico e construtivo da estrada entre Caroi e Cerdedo.

Outra das obras pendente é a PO-234 cuxo atraso, segundo Menéndez, débese á tramitación dos expedientes de expropiación do tramo que discorre polo municipio de Ponte Caldelas. Sinala que foi necesario recorrer a esta vía #ante a falta de cesión dos terreos como si se fixo na zona de Aguasantas.

Os traballos previstos na PO-230, vía que une Praderrei en Campo Lameiro coas localidades de Fentáns e Serrapio, no Concello de Cerdedo-Cotobade, sairán en breve prazo a exposición pública, segundo o representante da Xunta.

Jorge Cubela aproveitou para trasladar a petición conxunta manifestada tamén polo alcalde de Campo Lameiro á conselleira Ethel Vázquez de eliminar varias curvas nesta vía con motivo desta reforma. O rexedor sinala que o trazado é sinuoso e os dous Concellos demandan dous carrís de tres metros cada un e unha beiravía de 0,5 metros en cada lado. Desta forma, o actual vial converteríase nunha plataforma de sete metros.