Cubela traslada o seu malestar ao Sergas pola ausencia de atención médica no centro de saúde de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
06 de xullo 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade sinala que mantivo unha conversa con responsables do Servizo Galego de Saúde para comunicarlles que non é "unha solución axeitada" a fórmula prevista polo Sergas para que os pacientes se trasladen a outro consultorio cercano debido ás poucas posibilidades de comunicación, conectividade no transporte público e mesmo disponibilidade das persoaas usuarias en percorrer quilómetros de ida e de volta para recibir asistencia médica

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, con José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria, nunha visita ao Centro de Saúde de Cerdedo Concello de Cerdedo-Cotobade

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, súmase ás críticas realizadas por Ernesto Filgueira, do BNG, durante as últimas horas ante a situación que sofre a veciñanza pola ausencia periódica de atención médica no centro de saúde de Cerdedo. O rexedor recoñece que este problema causa graves molestias aos pacientes deste centro sanitario.

Cubela mostra a súa preocupación porque non haxa facultativos de reserva que poidan realizar suplencias nos casos en que os médicos titulares atópense de baixa ou de vacacións. Por este motivo afirma que se puxo en contacto con responsables do Servizo Galego de Saúde para mostrar o seu malestar.

Manifesta que a solución do Sergas consistente en que os pacientes se trasladen a outro consultorio próximo non é unha opción axeitada por varios motivos: poucas posibilidades de comunicación, conectividade no transporte público e dispoñibilidade das persoas usuarias para percorrer quilómetros de ida e de volta para recibir asistencia médica.

En todo caso, Jorge Cubela considera que a culpa corresponde ao Goberno central ao non permitir que se formen máis facultativos de cada vez a pesar de que existe unha "clara demanda" tanto en Galicia como na maioría de comunidades autónomas. 

Reclama unha solución adecuada para atender os problemas sanitarios e ofrece a colaboración do Concello para atopar unha alternativa que resolva "esta situación incómoda e reiterada no tempo", expón o alcalde.