Cubela, de 'xira’ polo rural para escoitar as demandas da veciñanza

Cerdedo Cotobade
16 de maio 2026

O encontro en Tomonde serviu para abordar melloras en abastecemento, saneamento, telecomunicacións, infraestruturas e proxectos estratéxicos de futuro para a parroquia

Xuntanza de Jorge Cubela coa veciñanza de Tomonde
Xuntanza de Jorge Cubela coa veciñanza de Tomonde / Concello de Cerdedo Cotobade

Por Tomonde comezou este sábado unha nova rolda de visitas do alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, polas parroquias do municipio.

O obxectivo desta 'xira' polo rural, segundo destaca o goberno local, é reforzar o contacto directo coa veciñanza e coñecer de primeira man as súas necesidades.

Esta primeira xuntanza permitiu abordar diferentes cuestións relacionadas cos servizos básicos e co desenvolvemento da parroquia.

Entre elas, tratáronse asuntos relacionados co abastecemento de auga, o saneamento, a futura depuradora, a mellora das telecomunicacións e a extensión da fibra óptica, así como distintas actuacións en infraestruturas e espazos públicos.

Durante o encontro tamén se analizaron necesidades vinculadas ao mantemento de fontes e instalacións municipais, melloras no local social ou actuacións en beirarrúas, na pista polideportiva e noutras zonas de uso común.

Outro dos asuntos destacados foi a situación da cobertura móbil e a necesidade de seguir ampliando a rede de fibra óptica, unha demanda considerada prioritaria para favorecer a calidade de vida da veciñanza e impulsar oportunidades de desenvolvemento no rural.

O alcalde tamén informou da evolución do polígono agroforestal, unha iniciativa estratéxica para o futuro produtivo e territorial da zona, así como doutros proxectos orientados a reforzar servizos, mellorar accesos e continuar impulsando investimentos.

Cubela destacou a importancia deste tipo de encontros para coñecer de maneira directa as prioridades reais de cada parroquia e avanzar nunha xestión máis eficaz e coordinada.

"A mellor forma de gobernar é estar no territorio, escoitar aos veciños e transformar esas demandas en solucións reais", sentenciou.

Esta nova rolda de visitas continuará nas próximas semanas noutras parroquias do municipio.