Cerdedo Cotobade aprobará un plan económico financieiro pese a ter as contas "saneadas", segundo o alcalde

Cerdedo Cotobade
11 de maio 2026
Actualizado: 18:30

Jorge Cubela critica que a normativa estatal penalice aos concellos sen débeda que invisten os seus remanentes en infraestruturas e servizos

Pleno de Cerdedo Cotobade
Pleno de Cerdedo Cotobade / Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo Cotobade, a pesar de manter unha situación económica saneada, sen débeda bancaria e co pago a provedores practicamente ao día, levará ao próximo pleno o Plan Económico Financeiro 2026-2027.

O trámite é obrigatorio ao esixilo a Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira.

Segundo os informes, o goberno cumpre co límite legal de débeda e presenta un nivel de execución de pagos superior ao 99%.

Con todo, a normativa estatal obriga a elaborar este plan porque se produciu un incumprimento da regra de gasto e do principio de estabilidade orzamentaria ao longo do pasado exercicio.

A documentación económica recolle que o orzamento inicial de 5,7 millóns de euros regulouse até máis de 9,3 tras a incorporación de remanentes e doutras achegas procedentes de administracións supramunicipais, o que permitiu impulsar investimentos e actuacións en diversos ámbitos municipais.

O alcalde, Jorge Cubela, cualifica de "inadecuada" a regulación estatal en materia de estabilidade orzamentaria, ao considerar que "penaliza aos concellos economicamente saneados que utilizan os seus propios aforros para mellorar infraestruturas, executar investimentos e prestar máis servizos á veciñanza".

Cubela sinala que o Concello "non ten débeda bancaria, paga en prazo aos provedores e mantén estabilidade financeira, pero a lei estatal provoca que investir os remanentes municipais derive automaticamente no incumprimento da regra de gasto e da estabilidade orzamentaria".

O Plan Económico Financeiro inclúe as previsións económicas para 2026 e 2027, nas que se contempla a recuperación do equilibrio orzamentario e o cumprimento da regra de gasto sen necesidade de adoptar medidas extraordinarias de recorte, incremento de impostos ou redución de servizos públicos.