O Concello de Cerdedo-Cotobade executará nos próximos meses a remodelación no pavillón polideportivo e a pista exterior da Cuqueira, en Carballedo.
A obra conta cun investimento de 48.062,97 euros financiada polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
A actuación consistirá na completa renovación dos vestiarios con nova instalación eléctrica, radiadores, portas, duchas e mobiliario, ademais de pavimentos antiescorregadizos en zonas húmidas para mellorar a seguridade.
Dentro do pavillón, repintarán a pista deportiva, mellorarán as bancadas, instalarán unha porta de evacuación antipánico e cambiarán a iluminación por proxectores LED máis eficientes.
Tamén impermeabilizarán a envolvente do edificio, selando filtracións e substituíndo paneis translúcido por policarbonato para optimizar a luz natural e reducir o consumo enerxético.
Na pista polideportiva exterior renovarán o peche perimetral, as liñas de xogo e outros elementos para pola a punto.
Estas instalacións tan demandadas por veciños e clubs absorberán parte das actividades do pavillón de Tenorio, respondendo o aumento de uso nos últimos anos.
O alcalde Jorge Cubela destacou que esta obra "permite seguir mellorando e modernizando as nosas instalacións deportivas para que sigan sendo espazos seguros, cómodos e axeitados para a práctica deportiva".
Ademais, subliñou o compromiso municipal co mantemento de infraestruturas e a promoción do deporte, "especialmente entre os máis novos", e agradeceu a colaboración da Deputación por facer posible estes investimentos que melloran os servizos e a calidade das instalacións que usa a veciñanza.