Culmina a Aceleradora Ría de Pontevedra coa presentación de sete proxectos emprendedores

Pontevedra
15 de decembro 2020

Nesta xornada final, sete emprendedores presentaron os seus proxectos a diferentes entidades financeiras e empresas privadas en busca de obter financiamento ou ben outras fórmulas de colaboración que axuden á súa saída ao mercado

Carlota Domínguez (Banco Santander), Jesús Rey (AJE) e Antonio Casal (Ence) presentan o foro de financiamento da Aceleradora Ría de Pontevedra PontevedraViva

A Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra (AJE Pontevedra) e ENCE celebraban este martes o foro de financiamento da III edición da Aceleradora Ría de Pontevedra, que poñía o peche a tres meses de traballo no desenvolvemento de proxectos de emprendemento local.

Nesta xornada final, sete emprendedores presentaron os seus proxectos a diferentes entidades financeiras e empresas privadas en busca de obter financiamento ou ben outras fórmulas de colaboración que axuden á súa saída ao mercado.

O evento celebrábase no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra coa presenza do vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda; o presidente de AJE, Jesús Rey, e o director de Ence-Pontevedra, Antonio Casal. A empresa pasteira é a patrocinadora das tres edicións da aceleradora a través do seu Plan Social.  

A aceleradora acolle iniciativas localizadas nos municipios de Pontevedra, Marín e Poio. Todas elas impulsadas por emprendedores ou empresas en fase de lanzamento e expansión do seu negocio e que desenvolven accións relacionadas con actividades turísticas, comerciais, culturais, agrícolas e gandeiras, forestais, pesqueiras ou marisqueira e ambientais.

Nesta terceira edición, destacou a presenza de proxectos ecosostibles e respectuosos co medio, así como negocios de proximidade.

PREMIO DE 3.000 EUROS

Os emprendedores deron a coñecer as súas ideas de negocio a representantes do Banco Sabadell, de Abanca, de Caja Rural e do Banco de Santander. Ademais de poder obter financiamento para lanzar ou desenvolver as actividades de emprendemento, esta última entidade destinou un premio de 3.000 euros ao mellor proxecto participante nesta terceira edición.