Poio prepárase para celebrar unha nova edición do programa Verbas en Flor, unha axenda que este ano inclúe máis dunha ducia de actividades e iniciativas a desenvolver entre os meses de abril e maio.
Música, deporte, medio ambiente, tradición e, sobre todo, moita cultura son os eixos principais en torno aos cales xira o programa, presentado este venres pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e a edil de Deportes, Marga Caldas.
O pistoletazo de saída da terceira edición o dará a undécima xornada da Liga Galega de Billarda, que se celebrará este sábado 1 de abril na Reiboa. Tamén haberá actuacións musicais, presentacións de libros, teatro, proxeccións audiovisuais e outras iniciativas "pensadas para toda a veciñanza e todas as idades", puntualizou Rodríguez Alonso.
Tamén estarán dentro da programación a Festa dos Maios e o Día das Letras Galegas, dous das grandes citas de referencia en Poio e que serán presentados nas vindeiras semanas. Un dos grandes puntos fortes do Verbas en Flor é que "a través desta programación espallamos actividades por todas as parroquias", indicou a concelleira de Cultura.
Durante o mes de abril, destaca o Concerto de Primavera que a Escola de Música (ESMU) ofrecerá o luns 3, ás 20.00 horas, na Praza da Granxa. Será unha actuación que supón a estrea de pezas sobre as obras gañadoras no Concurso Literario Xaime Illa de 2022. O día 11, o Centro Cultural Xaime Illa acollerá unha sesión de teatro para o alumnado do IES, mentres que para o xoves 20 de abril está fixada na praia de Cabeceira a xornada de recollida de plásticos na que tomarán parte alumnos e alumnas de diferentes centros educativos, en colaboración coa Asociación Amicos.
O venres 21 o Centro Cultural Xaime Illa acollerá proxeccións de cinema clásico, dentro do ciclo José Gil - Na orixe do cinema. Para pechar o mes, o sábado 22 a Praza da Chousa combinará varias propostas culturais, como a visita do Cinemóbil, unha sesión vermú co grupo Entre Foles e, previamente, a presentación do libro 'Nos días encantados de agosto', de Manuel González.
Xa no mes de maio, cobrará protagonismo a Festa dos Maios, co tradicional concurso na Praza do Mosteiro en horario de mañá e a Mostra de Maios vespertina en Combarro. Pechará esta programación o ciclo organizado co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Francisco Fernández del Riego.
A concelleira de Cultura lembra que a programación poderá consultarse na páxina web e nos perfís de redes sociais dos que dispón o Concello e Cultura Poio.