O palco da Alameda de Pontevedra foi o escenario improvisado polo bailaor Artur Puga para amosar os pasos esenciais do baile galego.
Accións como esta van poder desenvolverse na proposta 'As Pegadas do Baile' por todas as persoas que asistan ao Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que se desenvolverá do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O director do Culturgal, Camilo Franco, destacou que desde o ano pasado Culturgal iniciou unha tradición coa iniciativa 'Vén e baila!': "unha chamada colectiva a bailar, como tamén chamamos a ler ou a escoitar música".
O obxectivo é transformar o baile tradicional nun acto cultural colectivo, onde a mocidade e persoas de todas as idades poidan facer do baile un punto de encontro e de gozo comunitario.
Camilo Franco recoñece que "había quen non se atrevía, así que este ano damos un paso máis para facilitar a participación" cunha base onde se marcan os pasos de baile..
Durante os tres días do Culturgal, o proxecto ‘As Pegadas do Baile', ideado por Artur Puga, levará á Praza Central do Recinto Feiral espazos para practicar e aprender pasos, sempre coa axuda dunha persoa especializada.
Un dos puntos fortes volverá ser o domingo 30 co ‘Vén e Baila!', actividade aberta ao público xeral que busca perder o medo a bailar mediante instrucións mínimas, facilitando que calquera persoa se lance a dar os primeiros pasos.
Na edición pasada, arredor de mil persoas participaron no 'Vén e Baila!', superando expectativas xa que moitas persoas se animaron a continuar bailando durante outras actividades da xornada.
O Culturgal deste ano reforza a súa oferta co faladoiro sobre danza que contará con referentes como Aida Tarrío, integrante das Tanxugueiras, Fran Sieira, a compañía de relevancia internacional VACAburra e a actriz e bailarina Lucía Estévez.
A intención deste encontro será reflexionar sobre o baile libre, a relación co corpo e o seu potencial como ferramenta de identidade e cohesión social.
Unha das grandes novidades é a vontade de espallar 'As Pegadas do Baile' por vilas, centros educativos e espazos emblemáticos de Galicia, mesmo nos centros galegos do exterior, debuxando pasos de baile representativos no chan para deixar pegada física e simbólica da cultura galega, sinalaba Puga.
A organización remitiu un chamamento masivo a 260 asociacións culturais para facer destas actividades unha celebración de referencia para todo o tecido tradicional galego.
O Culturgal tamén se involucra na iniciativa para acadar que o Baile Galego sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), co obxectivo de reforzar a súa repercusión e preservar o patrimonio inmaterial de Galicia.
A venda de entradas, segundo indicou Camilo Franco, "vai a bo ritmo, tendo en conta que a oferta de actividades practicamente se triplicou respecto outros anos".
As entradas e bonos, a prezos populares, poden adquirrse a través desta ligazón.
Culturgal puxo en marcha un buscador e filtrador de actividades na súa páxina web entre as máis de 230 propostas do programa, desde concertos a encontros literarios, teatro ou tecnoloxía.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.