Cun título de graduado nunha man e un contrato na outra

Pontevedra
30 de setembro 2016

O conselleiro Román Rodríguez participou este venres no acto de entrega de diplomas a 27 estudantes do Carlos Oroza, dos que boa parte continúa traballando na empresa Arlea Hotels

Acto de graduación dos alumnos do Carlos Oroza Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou este venres na graduación do alumnado da promoción de formación profesional dual do CIFP Carlos Oroza. No acto participaron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, o director do centro, Manuel Hermo; entre outras autoridades, así como alumnos e docentes do CIFP.

Un total de 27 alumnos recibiron este venres os seus diplomas, tras cursar estudos nos ciclos superiores de Dirección de servizos de restauración, Dirección de cociña e Xestión de aloxamentos turísticos. Dado o éxito destes programas, ofertáronse novas prazas tanto o curso pasado como o actual.

De feito, o grao de competencias adquirido por estes titulados foi destacado pola colaboradora no desenvolvemento dos tres ciclos formativos, Arlea Hotels que ofreceu traballo a todos os titulados, sendo 21 os que aceptaron esta proposta e pasan a ser traballadores desta empresa.

Durante a súa intervención o conselleiro de Cultura, Educación en funcións salientou que este acto de graduación fai visible os resultados do convenio de colaboración asinado fai dous anos e que permitiu a posta en marcha por primeira vez de tres proxectos de xeito simultáneo (Dirección de servizos de restauración, Dirección de cociña e Xestión de aloxamentos turísticos).