Cuntis aproba o aumento de taxas do servizo 'Cuntilín' e da Escola de Música

Umia
19 de setembro 2025

Esta subida de prezo obrigará ás familias pagar 150 euros de media ao ano por cada neno que estea matriculado na formación musical e que empregue os programas de conciliación

Ludoteca Cuntilín
Ludoteca Cuntilín / Concello de Cuntis

O pleno ordinario do Concello de Cuntis aprobou por maioría, e co rexeitamento do Partido Popular, a subida do prezo público do servizo de conciliación 'Cuntilín' e o da Escola Municipal de Música.

Un dos puntos máis debatidos foi o incremento no primeiro deles, xa que desde o goberno municipal achacan esta subida á "drástica redución da achega da Xunta de Galicia, que pasou de 105.000 euros a 55.000 euros", mentres que os populares culpan ao propio goberno de facer unha "xestión irresponsable".

Así mesmo, o pleno aprobou, co mesmo tipo de voto, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo na Escola Municipal de Música.

Este incremento, segundo sinalou o alcalde Manuel Campos, axudará a "paliar e actualizar os custos do servizo para así garantir a súa calidade e sustentabilidade de cara ao próximo curso".

REXEITAMENTO DO PARTIDO POPULAR

A portavoz municipal do PP de Cuntis, Isabel Couselo, púxolle cifras á subida de ambas as tarifas, sinalando que as familias pagarán ao ano 150 euros máis de media por cada neno que estea matriculado na formación musical e que empregue os programas de conciliación.

O PP "tentou por todos os medios frear a xeneralizada subida de impostos proposta polo alcalde socialista", ao considerar que "o grave problema económico do Concello xorde da xestión irresponsable do goberno" e "non débese solucionar cargándolle o problema aos veciños".

Ademais, critican que "o arranxo das contas municipais non pasa por subir impostos, senón por apostar pola contención do gasto superfluo, innecesario e desorbitado sen dilapidar centos de miles de euros en festas e celebracións".

Á súa vez, sinalan que a "exclusiva responsabilidade" deste incremento recae na "abstención do BNG, que preferiu porse á beira do alcalde no canto de defender aos veciños".

Din tamén que "o alcalde, para tranquilizar o malestar da xente, escudouse en que as cantidades que se cobrarán polos dous servizos son pequenas e alcanzables" polo que preguntan: "si tan pouco lle repercute ao Concello, non pode asumir ese suposto sobrecusto?", manifestou a concelleira popular.