Cuntis reactiva a súa aposta pola conciliación cunha nova edición do Cuntilín Verán

Umia
20 de maio 2025

O programa Cuntilín Verán desenvolverase entre o 23 de xuño e o 29 de agosto e as prazas son limitadas. O horario das actividades, no CPI Aurelio Marcelino Rey García, será de 8:00 a 14:30 horas

Ludoteca Cuntilín
Ludoteca Cuntilín / Concello de Cuntis

Cuntis abre o prazo de inscrición para unha nova edición do seu programa de conciliación familiar durante o verán, o Cuntilín Verán 2025.

Esta iniciativa, fundamental para o apoio ás familias do municipio, está dirixida a nenos e nenas en idade escolar e busca facilitar a organización familiar durante as vacacións estivais.

As familias interesadas poderán formalizar a inscrición dos seus fillos ata o próximo 13 de xuño. A listaxe de persoas admitidas poderá ser consultada posteriormente a través da sede electrónica do Concello de Cuntis e no taboleiro de anuncios municipal.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, subliñou a importancia do Cuntilín Verán para o seu equipo de goberno ao destacar que "é unha aposta decidida e prioritaria para nós".

"Entendemos perfectamente as necesidades das familias en materia de conciliación, especialmente durante os meses de verán, e o Cuntilín Verán é a nosa resposta directa e firme para axudalas", subliñou Campos.

Con este programa, Cuntis facilita que nais e pais poidan compaxinar a súa vida laboral e familiar, ao tempo que ofrecen aos nenos e nenas, segundo reiterou o alcalde, "un espazo de diversión, aprendizaxe e socialización nunha contorna segura".

O programa Cuntilín Verán desenvolverase entre o 23 de xuño e o 29 de agosto e as prazas son limitadas. O horario das actividades será de 8:00 a 14:30 horas, cunha franxa de asistencia obrigatoria ou de comprensión horaria entre as 9:30 e as 13:30 horas.

As actividades terán lugar de luns a venres, coa excepción dos días festivos e non lectivos indicados: 11 e 25 de xullo e 18 e 19 de agosto.

As instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García acollerán o programa este verán.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro do Concello de Cuntis, en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres, ou a través de https://concellodecuntis.sedelectronica.gal.