O servizo gratuíto Cuntilín estará operativo no Nadal para poder conciliar

Umia
13 de decembro 2024
Actualizado: 11:40

Estará operativo desde o día 23 de decembro ao 3 de xaneiro e o prazo de solicitudes de praza xa está aberto ata o venres 20

Acendido do alumeado de Nadal en Cuntis
Acendido do alumeado de Nadal en Cuntis / Concello de Cuntis

A Praza das Árbores marcou este xoves o comezo da tempada de Nadal en Cuntis, que, un ano máis, volve apostar pola maxia, a música e a conciliación como piares principais, xunto a unha festa de benvida do novo ano na madrugada do 1 de xaneiro.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos deu conta dunha programación que "está pensada para que poidamos gozar destas datas tan entrañables en familia, tanto as crianzas como os adultos".

No prendido dos ornamentos que decoran a vila, que se caracterizan pola utilización de luminarias eficientes, contouse coa colaboración do alumnado do programa Habilitas Fogar, impulsado polo Concello para fomentar a integración social a persoas con discapacidade intelectual.

O goberno local mantén a súa aposta polo servizo de conciliación familiar gratuíto desde o 23 de decembro, a través de Cuntilín Nadal.

A iniciativa estará operativa ata o 3 de xaneiro, en horario de 7.30 a 14.00 horas.

Xa está aberto o prazo de inscrición, ata o venres 20 de decembro (inclusive). Aquelas familias que xa utilicen este servizo durante o resto do ano e estean interesadas en reservar praza nestas semanas de vacacións escolares tan só deberán cubrir un formulario que se lles facilitará a través das propias monitoras do Cuntilín.

As inscricións só terán que facelas as persoas que non solicitasen esta prestación previamente. Cómpre lembrar que Cuntis é un dos poucos concellos da provincia de Pontevedra que facilita un servizo de conciliación familiar gratuíto durante todo o ano.

Con respecto ás actividades, o programa inaugurarase o domingo co Mercadiño Vintage organizado pola Agrupación Musical de Música e Baile Tradicional de Cuntis. Será na Praza de Abastos, entre as 11.00 e as 19.00 horas, e contará con postos de filloas, sobremesas e puntos de venta de artigos do pasado, que farán as delicias das persoas máis nostálxicas.

O martes 17, chegarán os Paxes Reais ao CPI Aurelio Marcelino Rey García, para tomar nota das peticións de agasallos do alumnado.

Xa o xoves, 19 de decembro, ás 20.00 horas o Centro Patelas acollerá un obradoiro de elaboración de centros de mesa.

O sábado 21, o pavillón municipal será o escenario do Festival Folclórico de Nadal, promovido tamén pola Agrupación Musical de Música e Baile Tradicional de Cuntis.

Unha das datas máis agardadas será o martes 24, coa chegada de Papa Noel á vila, onde recibirá ás crianzas na Casa de Cultura Roberto Blanco Torres, entre as 11.30 e as 13.30 horas.

Nestas mesmas dependencias, o día 26 os máis cativos poderán gozar do espectáculo Títeres Alakrán.

O sábado 28, pola súa banda, terá lugar a chocolatada para socios do Espazo CuntisXove.

Unha das citas estrela da programación será na noite do 31 de decembro ao 1 de xaneiro. Na Praza da Constitución habilitarase unha carpa para dar a benvida ao 2025, onde se agarda un gran ambiente.

O 3 de xaneiro, na Casa de Cultura, o Mago Teto ofrecerá un espectáculo para crianzas.

O colofón ao programa chegará da man dos Reis Magos, cuxa chegada ao concello está prevista ás 18.30 horas, para realizar a tradicional cabalgata. A posterior festa e recepción na Praza da Constitución suporá o broche de ouro ao Nadal.