Cunha gran festa nas instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García rematou por este ano o programa Cuntilín Verán, impulsado polo Concello de Cuntis para garantir ás familias a posibilidade de conciliar os seus traballos coas vacacións escolares.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e os concelleiros Ana Loureiro e José Antonio González participaron nesta fin de festa e intercambiaron impresións coas monitoras do Cuntilín Verán para estudar melloras nun programa que xa é referente en toda a comarca.
Para rematar o programa instaláronse colchóns inchables no patio do colexio no que as rapazas e rapaces despediron o verán cunha gran festa como colofón a estas semanas de diversión.
O Cuntilín Verán é un programa gratuito e fundamental para cubrir as necesidades en materia educativa, formativa e de conciliación dunha gran cantidade de familias do municipio.
De aí que o Concello realice cada ano un esforzo económico "moi importante" para levalo a cabo sen custo para as familias.
Manuel Campos destaca o incremento de inscritos este ano, no que o programa superou o centenar de alumnos frente aos 80 da pasada edición.
"É un programa irrenunciable para o noso goberno e un reflexo claro da nosa aposta polas política sociais", afirma o alcalde, que recorda que o Concello asume o 100% do servizo.
O Concello de Cuntis destina a este programa unha partida de 206.250 euros anuais.