Cuntis completa o Plan Concellos con 50.000 euros para obras e recibe un novo préstamo

Umia
25 de setembro 2016

O Plan Concellos xa está rematado no que se refire ao Concello de Cuntis. Unha resolución presidencial da Deputación vén de aprobar unha nova achega económica á vila por valor de 50.000 euros, destinada á realización de proxectos de obras participativas no municipio

Praza da Constitución de Cuntis
Praza da Constitución de Cuntis / Concello de Cuntis

O Plan Concellos xa está rematado no que se refire ao Concello de Cuntis. Unha resolución presidencial da Deputación vén de aprobar unha nova achega económica á vila por valor de 50.000 euros, destinada á realización de proxectos de obras participativas no municipio.

Ao ter completado o seu orzamento ao abeiro do Plan Concellos 2016, Cuntis recibiu un investimento por parte da institución provincial de 502.586,83 euros.

Esta última partida recibida por Cuntis súmase aos case 216.000 euros para arranxos de rúas e camiños, conexións na rede de saneamento, melloras de depuradoras e melloras na rede de semáforos e alumeado; ou os 70.000 euros no cambio de tellado no centro Patelas e nas escolas de Mesego, Cequeril e Portela.

Ademais, destináronse 35.000 euros para limpezas de cunetas e outros 19.000 euros para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais; e os 113.000 restantes foron para a contratación de 20 traballadores que desenvolven as súas profesións nos servizos municipais.

PRÉSTAMO SEN XUROS

Para Cuntis, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou a concesión dun novo préstamo sen xuros, dentro da liña reservada aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

Deste xeito, Cuntis recibirá a cantidade de 96.938,87 euros que serán destinados ao arranxo de varias pistas deterioradas por mor dos temporais.