Cuntis denuncia a falta de médicos e saturación no centro de saúde

Umia
13 de agosto 2019

O Concello de Cuntis alerta do mal funcionamento do centro de saúde pola falta de médicos de familia desde o día 1 de agosto

Medindo a tensión
Medindo a tensión / Saludand

O Concello de Cuntis alerta do mal funcionamento do centro de saúde pola falta de médicos de familia desde o día 1 de agosto.

O goberno local denuncia que a espera media para conseguir unha cita previa é de quince días e os facultativos están a atender a diario unha media de cincuenta pacientes.

As queixas dos veciños por este deficiente servizo sucédense sen que o Sergas poña unha solución ao problema, por iso o propio alcalde cuntiense, Manuel Campos, esixe unha resposta á Consellería de Sanidade e que se comprometan a reforzar o servizo para acabar coa saturación que atravesa o centro de saúde durante os meses de verán.

"Os pacientes viven nunha situación de incerteza que teñen que estar durante moitos días esperando unha razón e remedio para os seus problemas de saúde", lamenta o rexedor socialista, ao mesmo tempo que lembra os problemas que xa sufriron co servizo de pediatría, que estivo deserto durante o mes de xullo; e de matrona, que se recuperará despois do verán.