Algo máis de 9.000 máscaras de protección contra a covid-19 vai a comprar o Concello de Cuntis para repartilas entre a comunidade educativa do CPI Don Aurelio.
O obxectivo desta medida é que o novo curso escolar se inicie do xeito máis seguro posible tanto para os nenos e nenas como para o profesorado.
Así, repartiranse 5.550 máscaras infantís e 3.680 para adultos.
Dende o Concello tamén se deu resposta a outras necesidades como a mellora de espazos, pintado de paredes e outros mantementos que fan que o comezo do curso escolar se faga con todas as comodidades tanto para o alumnado como para o profesorado.
"Somos conscientes de que o coronavirus mudou moitos aspectos e por iso queremos colaborar para que o inicio do curso escolar se faga con todas as garantías posibles", afirmou o alcalde, Manuel Campos.