Cuntis pon en marcha a construción dunha rede secundaria de camiños en terreos da parcelaria de Troáns

Umia
22 de abril 2020

O proxecto conta cun orzamento de 200.000 euros e consiste en mellorar os accesos ás parcelas desde as vías principais do polígono agrario

Obras de construción de camiños agrarios na parroquia de Troáns, en Cuntis
Obras de construción de camiños agrarios na parroquia de Troáns, en Cuntis / Concello de Cuntis

A apertura dunha nova rede de camiños secundarios no sector II do proceso de concentración parcelaria da parroquia cuntiense de Troáns ponse en marcha. Promovido pola Consellería do Medio Rural e cun orzamento superior aos 200.000 euros, o proxecto ten como obxectivo dotar de novos e mellores accesos ás parcelas completando desta forma unha rede de viais secundarios que non foron previstos á hora de planificar os camiños principais.

A obra contempla a actuación nun total de 31 camiños. Nalgúns casos realizaranse novas aperturas e noutros, acondicionamento dos viais xa existentes. Despois da actuación toda a rede quedará uniformada cun firme adecuado e un ancho comprendido entre os 4 e 5 metros. A intervención contempla tamén a realización de cunetas, rozas e solución tanto de pendentes como de cambios de rasantes.

O proceso de concentración parcelaria desta zona de Troáns ocupa unha superficie total de 147 hectáreas distribuídas entre 614 propietarios, iniciouse no 1995 e atópase xa na súa fase final, próxima á toma de posesión por parte dos propietarios. Neste sentido, o alcalde Manuel Campos quixo destacar as xestións realizadas polo COncello nos últimos anos para axilizar o procedemento.