O Concello de Cuntis acaba de anunciar que volverá formar este verán unha brigada de prevención e loita contra incendios forestais como a que xa puxo en marcha anos anteriores e que o prazo para que os aspirantes aos postos de traballo presenten as súas solicitudes quedará aberto esta semana.
A brigada, que funcionará entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, estará integrada por un capataz forestal, catro peóns forestais e dous condutores de camión motobomba.
Entre as tarefas que realizará a brigada atópase a extinción de lumes, a vixilancia e defensa forestal, a realización de traballos de prevención de xeito manual mediante tratamentos silvícolas, rozas, rareos e eliminación de restos en zonas nas que non se pode actuar con medios mecánicos. Tamén realizarán actuacións mecanizadas mediante rozas ao efecto de diminuír a carga combustible.
A contratación desta brigada forestal derívase do convenio asinado entre o Concello de Cuntis e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais, que establece unha colaboración autonómica de 49.000 euros para a contratación do persoal por 3 meses a xornada completa.
O prazo para presentar solicitudes finalizará o día 23 de xuño. Unha vez rematado, publicarase un listado provisional e darase un prazo de dous días para corrixir posibles deficiencias.
Transcorridos estes días presentarase un listado definitivo e fixarase data, lugar e hora para a realización dunha proba física que consistirá nunha proba de esforzo obrigatoria para poder pasar á segunda fase do concurso.
Na segunda fase teranse en conta os méritos de cada aspirante e valorarase a permanencia de cada un en situación de desemprego. Tamén se avaliará o coñecemento da lingua galega e para os postos de condutor de motobomba realizarase un exame práctico de manexo de camión. Para o posto de capataz forestal o aspirante deberá contar con algunha titulación universitaria ou de técnico superior en materia forestal ou paisaxística e para os de condutor os candidatos deberán estar en posesión do carné de conducir B.