Cuntis retoma a desinfección de rúas para combater á Covid-19

Umia
22 de agosto 2020

O Concello decidiu reiniciar as actuacións de desinfección e limpeza naquelas rúas e espazos públicos de maior afluencia ou especialmente sensibles

Tareas de desinfección nas rúas de Cuntis
Tareas de desinfección nas rúas de Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis decidiu retomar as actuacións de desinfección e limpeza de rúas e espazos públicos ante o aumento de casos de coronavirus en Galicia.

Trátase dunha medida de prevención que se centra nos lugares de maior afluencia de veciños ou especialmente sensibles, como poden ser a contorna dos supermercados, farmacias ou o centro de saúde.

Os labores de desinfección, que se reiniciaron durante a noite do venres a sábado, realízanas efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil.

Aínda que o Concello confirma que actualmente non teñen constancia de ningún caso de Covid-19 no municipio, entende que a situación epidemiolóxica e o feito de estar en pleno verán cando se rexistra unha maior afluencia de visitantes fai aconsellable redobrar as medidas de prevención.