A Asociación de Gandeiros Monte Castrove está a acometer diversas melloras no curro de San Ramón co obxectivo de garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da Baixada das Bestas, que se celebrará esta fin de semana.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, desprazouse este martes ata o recinto para comprobar de primeira man o avance dos traballos.
Segundo explicaron a mellora inclúe o reforzo da protección do curro mediante a instalación dun valado de madeira en todo o perímetro, incluídas as escaleiras de acceso.
Ademais, estase a substituír a antiga caseta por unha nova estrutura de madeira, máis ampla e funcional, destinada a albergar os equipos de retransmisión, son e megafonía.
Tamén se está a instalar unha nova balustrada no exterior do recinto para mellorar a seguridade do público nas zonas máis elevadas, especialmente durante a celebración da Baixada das Bestas, un dos eventos máis emblemáticos e concorridos no final de verán na Escusa.
Dende o Concello e a Asociación de Gandeiros destacan a importancia de que as actuacións e proxectos se leven a cabo da man dos colectivos locais, consensuados con eles e impulsados polas súas achegas, xa que son quen mellor coñecen as necesidades reais e as prioridades da súa actividade.
Neste caso concreto, a prioridade estaba clara: mellorar a confortabilidade e, sobre todo, a seguridade dos aloitadores e do público asistente a unha festa de gran interese e fonda tradición no concello.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.