A actividade lectiva nas aulas galegas para o curso 2026-2027 xa ten datas oficiais coa publicación no Diario Oficial de Galicia este luns da orde da Consellería de Educación que regula o calendario escolar.
As clases comezarán o mércores 9 de setembro de 2026 e rematarán o 21 de xuño de 2027 para a maioría dos niveis educativos.
Esta planificación xeral afecta a educación infantil, primaria, ESO, bacharelato e os primeiros cursos de formación profesional.
Pola contra, o alumnado de segundo curso de ciclos formativos de FP rematarán antes as clases, concretamente o 15 de xuño, mentres que en segundo de bacharelato a data final dependerá do calendario que se sinale para a realización da Proba de Acceso á Universidade (PAU).
No caso dos menores de cuarto curso de infantil, os colexios contan coa posibilidade de dispoñer dun período de adaptación con entrada gradual que non se poderá estender máis aló do 15 de setembro.
Nas ensinanzas de réxime especial, o inicio poderá flexibilizarse de xeito motivado ata o 16 de setembro como máximo.
Os períodos de descanso para a comunidade educativa quedan establecidos nestas datas:
-
Nadal: desde o 22 de decembro de 2026 ata o 7 de xaneiro de 2027, ambos os dous días incluídos.
-
Entroido: os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2027.
-
Semana Santa: do 22 ao 29 de marzo de 2027, ambos incluídos.
A estas xornadas súmase o luns 7 de decembro de 2026, festivo de carácter educativo por celebrarse o Día do Ensino, xunto cos festivos estatais, autonómicos e locais.
O calendario oficial estipula tamén os días reservados para as probas de avaliación de diagnóstico que marca a lei estatal. Os exames para o alumnado de segundo curso da ESO desenvolveranse entre o 19 e o 23 de abril de 2027, mentres que os de cuarto curso de primaria terán lugar entre o 26 e o 30 dese mesmo mes.
Para o profesorado dos centros públicos, o curso comeza de xeito efectivo o 1 de setembro de 2026 para tarefas de organización, elaboración de programacións e coordinación de departamentos.
A normativa obriga a permanencia dos docentes nos centros ata o 30 de xuño de 2027 para completar as tarefas administrativas de final de curso, como as actas de avaliación, as memorias e a atención ás reclamacións de notas das familias.