Este xoves 24 de abril, o Centro Asociado da UNED en Pontevedra abrirá unha xanela á análise das relacións internacionais de España cun curso online centrado no papel do país como Observador Asociado da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
A actividade formativa, que se desenvolverá de 12.00 a 15.00 horas, representa unha oportunidade para explorar novos horizontes do multilateralismo no século XXI.
A xornada, impulsada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e financiada pola Secretaría de Estado de Asuntos Exteriores e Globais, reunirá a destacados investigadores e especialistas de universidades galegas e portuguesas que analizarán as relacións políticas, económicas e culturais que España e Galicia manteñen cos países lusófonos.
Entre os relatores confirmados figuran Joao Casqueira, profesor da Universidade Fernando Pessoa do Porto; Daniel González Palau, director do IGADI; Carlos Pazos Justo, profesor da Universidade do Minho (Braga); e Diego Sande, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O curso, que coincide coa véspera do 51º aniversario da Revolución dos Caraveis, desenvolverase en galego-portugués e castelán, e abordará temas como a diplomacia lingüística, a imaxe de España no espazo lusófono, as relacións económicas e a historia recente que levou a España a integrarse como Observador Asociado na CPLP en 2021.
Entre os principais obxectivos do evento destacan a promoción dunha participación máis construtiva e eficaz de España na CPLP, o fomento da reflexión sobre a entrada de España nesta comunidade internacional, e a creación dun espazo de intercambio de ideas que aumente a visibilidade e comprensión do papel dos Observadores Asociados.
Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto "España na CPLP", concibido a partir do traballo acumulado polo IGADI desde a súa fundación en 1991, e especialmente desde a constitución do Observatorio Galego da Lusofonía (OGALUS) en 2008. Ademais, continúa a liña de investigación "Unha historia para o século XXI", que realizou un seguimento da Iniciativa e posterior Lei Paz Andrade, que este ano cumpre once anos de percorrido.
A actividade está aberta ao público xeral interesado en comprender e debater sobre a entrada de España como Observador Asociado da CPLP, nun contexto internacional cada vez máis interconectado e en constante transformación.