Cuspedriños abre o prazo para participar nunha nova edición da súa feira histórica

Cerdedo Cotobade
05 de abril 2018

Os interesados en participar na duodécima edición da Feira de Cuspedriños xa poden presentar a súa solicitude. O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de abrir o prazo para pedir un dos 60 postos que se habilitarán no mercado, así como espazo nos pendellos e na carballeira

Feira de Cuspedriños 2017
Feira de Cuspedriños 2017 / Diego Torrado

Os interesados en participar na duodécima edición da Feira de Cuspedriños xa poden presentar a súa solicitude. O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de abrir o prazo para pedir un dos 60 postos que se habilitarán no mercado, así como espazo nos pendellos e na carballeira.

As persoas interesadas deberán cursar a súa petición no Concello, que realiza certas esixencias para participar, como a ambientación e vestimentas propios dos mercados tradicionais dos anos cincuenta, a rotulación dos carteis en galego ou a apertura polo menos de 10.00 a 19.00 horas na xornada festiva do domingo 3 de xuño.

O Concello ofrece, cando quedan dous meses para o certame, un total de 60 postos oficiais distribuídos en cinco zonas da aldea. Tres correspóndense coas mesas de pedra do mercado, do exterior deste recinto e dos pendellos e as dúas restantes coa parte superior e inferior da carballeira.

Como é habitual, o Concello reserva a posibilidade de ampliar despois a concesión de postos, pero xa fóra destes espazos centrais, segundo a demanda existente.

Os postos ofertados, que figuran nos impresos de solicitude colgados na web municipal, oscilan entre os 2 e os 3 metros e oriéntanse á venda de artesanía, roupa, comida ou outro tipo de trebellos.

A XII Feira de Cuspedriños volverá contar con numerosas actividades coas que se pretende recrear o ambiente dos poderosos mercados que se celebraban na zona a mediados do século vinte, ao tempo que homenaxea o pasado do municipio.

Así, a programación, que aínda se está a perfilar e que se coñecerá nas vindeiras semanas, contará con actividades musicais e de baile e ambientacións propias de antano, como os cantos de cego, o afiador ou xogos populares, entre outros.

O Concello, que agarda cando menos repetir o éxito das dúas últimas edicións, nas que se bateron récords de asistencia cunhas 4.000 persoas, xa está a traballar na organización desta feira, que informa de todas as súas novidades a través do seu perfil oficial en Facebook.