Da Roma clásica a Darth Vader e o seu séquito na praza de touros

Pontevedra
05 de agosto 2017

Desde o público de biberón ata os avós déronse cita no primeiro espectáculo que este ano abría a Feira Taurina da Peregrina. O espectáculo cómico taurino que puxo no albero a empresa Tauroemoción arrincou as risas e os aplausos do público  

Espectáculo de recortadores na praza de Pontevedra
Espectáculo de recortadores na praza de Pontevedra

"Ave César, morituri che salutant", "Ave César, os que van morrer saúdanche" apelaban os gladiadores da Roma clásica a pé de coliseo. Aínda que a frase repetíase na praza pontevedresa para comezar o espectáculo "Gladiadores do século XXI", o certo é que tanto reses como gladiadores concluíron en perfecto estado. 

Ataviados como aqueles loitadores romanos, cinco recortadores valencianos deron mostra da súa pericia ante os touros. Renderon pleitesía ao animal, con saúdo en círculo, saíron ao seu encontro esquivando con quiebros os embroques e ofreceron un recital de saltos en solitario, en dúos, tríos e encadeados, ou simulando os saltos dos forcados. Desde o máis pequeno ao de maior idade aplaudiron os recortes dos mozos no rodo.

O público familiar tomou as bancadas do coso de San Roque e mesmo algunha das figuras que este domingo 6 toman parte do cartel tamén se sumaron ao festexo, como espectador neste caso.

Foi o caso de Antonio Ferrera, quen o termo do espectáculo sacou fotografías con numerosos seguidores que o recoñecían entre o público. Quen tamén estaba xa onte en Pontevedra é Julián López "el Juli", quen da mesma forma, accedeu a diversas instantáneas mentres tomaba algo nunha terraza próxima á praza de touros.