Dan por emendada a avaría que dificultaba a subministración de auga a Seixo

Pontevedra
19 de xullo 2018

Finalmente, desde media mañá deste xoves a subministración quedou restablecida, aínda que se segue traballando en conxugar o último tramo da nova tubaxe de Acuaes, que require moita precisión técnica e conxugar o caudal que se achegaría desde ambas  

Obras de reparación da avaría de auga na subministración a Marín
Obras de reparación da avaría de auga na subministración a Marín / Mónica Patxot

A avaría nunha tubaxe de auga que fornece auga ao Concello de Marín e que leva días deixando dificultades en Seixo quedou arranxada este xoves. 

Segundo deu a coñecer a alcaldesa de Marín, María Ramallo, a avaría, que ten a súa orixe en Pontevedra, non permitía poder alimentar a tubaxe do colector do litoral e poder dar auga con presión ás partes altas do núcleo de Seixo.

Finalmente, desde media mañá deste xoves a subministración quedou restablecida, aínda que se segue traballando en conxugar o último tramo da nova tubaxe de Acuaes, que require moita precisión técnica e conxugar o caudal que se achegaría desde ambas.

Aínda que os operarios municipais seguen traballando sen descanso e prevén seguir facéndoo nos próximos días, María Ramallo destaca que a boa noticia é que o abastecemento está restablecido e trabállase para tratar de paliar no futuro baixadas ou problemas coa presión

O novo sistema de abastecemento de auga a Marín está xa funcionando na maioría as súas fases e tan só falta o entroncamento final. Esta última fase é extremadamente delicada e complexa tecnicamente, pero desde o Concello de Marín destacan que se está traballando con precisión e asesoramento técnico.

Na actualidade, xa está moi preto de terminarse. Ata agora non puidera facerse porque soamente se pode poñer en marcha cando o está o resto do sistema, para conxugar os caudais e as distintas presións e que non se xeren contratempos.

A rotura na tubaxe obrigou a utilizar a nova tubaxe de Acuaes, pero tan só cobren ao centro de Marín e aos depósitos dos primeiros tramos, quedando aínda sen funcionar o tramo que leva a auga ata Seixo.