O Partido Popular de Pontevedra quixo contar con Daniel Lacalle, o gurú económico de Pablo Casado, para inaugurar o I Foro PontEmplea, un espazo de debate que os populares organizaron para falar de economía e creación de emprego.
En declaracións a PontevedraViva, Lacalle explicou que Pontevedra ten un "enorme potencial" económico e pode ofrecer unhas "oportunidades maravillosas" para o emprego xuvenil e feminino ou para "todo lo que tiene que ver" coa economía circular e innovación.
Pero para iso, dixo, o goberno municipal debe ser un "pilar fundamental" para canalizar ese crecemento económico "facilitando las cosas" aos emprendedores. Ese foi o consello fundamental que quixo ofrecerlle ao candidato do PP, Rafa Domínguez, o anfitrión deste foro de debate.
O economista, número 4 do PP madrileño ao Congreso, lembrou que en materia administrativa os concellos teñen "todas" as competencias, polo que instou a crear unha contorna "facilitadora" en cando a licenzas, aperturas ou a seguridade xurídica que deben ter aquelas compañías que queiran investir en Pontevedra.
A este respecto, sinalou que o que ocorreu con Ence é "claramente peligroso" non só para a compañía pasteira, porque "introduce inseguridad jurídica" a calquera outro negocio "al pensar que si tienes todos los permisos luego va a venir otro y te lo va a cambiar todo".
A administración municipal, engadiu Lacalle, debe ser "express" e adoptar todas as medidas necesarias para "hacer las cosas de manera fácil" para que se "destaponen" os problemas que pode ter calquera empresa "que venga a abrir negocios y crear empleo".
Este foro de debate terá continuidade o vindeiro xoves 11 de abril coa empresaria do sector vitivinícola, Marisol Bueno, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, que serán os relatores que pecharán esta iniciativa.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.