A Danza de Espadas enche Marín de cor e baile para festexar a San Miguel

Marín
05 de outubro 2025
Actualizado: 06 de outubro

Durante o acto institucional, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o novo director Escola Naval, Tomás Clavijo, foron nomeados como novos presidentes de honra do Padroado de San Miguel

Danza de Espadas en Marín
Danza de Espadas en Marín / Concello de Marín

O deste domingo foi un día grande en Marín. Todo o municipio vestiu as súas mellores galas para festexar o San Miguel, unha das súas festividades máis representativas.

Un ano máis, sen dúbida, o evento máis destacado foi a tradicional representación da Danza de Espadas, unha das danzas brancas máis importantes de Galicia e recoñecida como festa de interese turístico desde o ano 2010.

A xornada, coordinada polo Padroado de San Miguel, comezou no salón dos plenos do Concello, onde se celebrou o acto institucional de San Miguel.

Alí, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o novo director Escola Naval, Tomás Clavijo, foron nomeados como novos presidentes de honra do padroado.

A eles sumáronse, como confrades de honra, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e Teresa Rodríguez, presidenta do grupo Meigas e Trasnos.

Acto institucional de San Miguel en Marín
Acto institucional de San Miguel en MarínConcello de Marín

Durante o acto, que estivo encabezado pola presidenta do padroado, Isabel Martínez Epifanio, e pola alcaldesa María Ramallo, tamén se impuxeron as espadas de prata e ouro aos danzantes que levan, respectivamente, dez e vinte anos participando nesta celebración.

Ao terminar, os asistentes trasladáronse até o Templo Novo de Marín, onde tivo lugar a misa solemne en honra a San Miguel, que contou coa participación do Coro Thalassa, e a posterior procesión.

Foi o propio atrio do templo, como marca a tradición, o lugar que acolleu o primeiro dos bailes da Danza de Espadas.

Tras este primeiro acto, San Miguel comezou o seu percorrido cara á Praza do Reloxo, coas habituais paradas ante o palco de música da alameda e a Praza de España para realizar o colorido e vistoso baile de catro séculos de antigüidade.

Danza de Espadas en Marín
Danza de Espadas en MarínConcello de Marín

Durante todo o percorrido e nas tres paradas para o baile, as cintas de cores azuis, vermellos e brancos compartiron protagonismo cos danzantes, que demostraron un ano máis a súa mestría cunha danza que ten a súa orixe no século XVII.

A queima de madamitas, a ofrenda floral na escultura dos danzantes na emblemática Praza do Reloxo e un concerto do dúo musical Bella & Charlo puxeron o broche de ouro esta xornada tan especial en Marín.