Na tradición cristiá, San Miguel Arcángel é patrón e protector do Exército, a Policía, os estudantes e a Igrexa católica, entre outros, pero tamén é considerado patrón dos mariñeiros e pescadores, tal como o celebra o municipio de Marín na súa festividade anual.
A cita será o vindeiro domingo 5 de outubro, pero desde xa se empeza a sentir o ambiente festivo nas rúas do municipio.
Aínda que o día oficial de San Miguel é o 29 de setembro, o programa grande resérvase para o fin de semana seguinte. O sábado 4 de outubro, ás 19:00 horas, a Banda de Música de Marín ofrecerá un concerto na Alameda, abrindo paso a unha xornada dominiscal chea de actividades.
O domingo 5 empezará con forza ás 11:00 horas, co tradicional acto institucional do Padroado de San Miguel, no Salón de Plenos do Concello. Alí entregaranse as distincións aos Confrades de Honra, así como as Espadas de Prata e de Ouro aos danzantes, antes de saír en comitiva cara ao Templo Novo.
Ás 12:00 horas, o Coro Thalassa porá música a unha Misa solemne, tras a cal comezará a procesión. Non faltarán os momentos máis esperados: a Danza de Espadas nas súas paradas tradicionais, a queima de madamitas e a ofrenda floral na escultura dos danzantes, na emblemática Praza do Reloxo.
Pola tarde, a festa continúa: ás 18:30 horas, os danzantes volverán deleitar ao público na Alameda, e ás 19:00 horas, o dúo musical Bela & Charlo pechará con broche de ouro esta xornada tan especial.
Esta celebración, organizada polo Padroado de Mareantes de San Miguel, está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia.