David Carrera asume a misión de suceder a Jorge Canda co obxectivo de achegar "aire fresco" á Lama

A Lama
30 de maio 2023

O Partido Popular volveu conseguir maioría absoluta na Lama a pesar da retirada de Jorge Canda, rexedor desde 1995. O seu sucesor promete seguir velando polos intereses dos veciños, coidar dos maiores e posicionar ao municipio como referente do turismo rural e sostible

David Carrera, candidato do PP á Alcaldía da Lama Concello da Lama

A Lama terá a partir do 17 de xuño un novo alcalde, aínda que a cor política non varíe. David Carrera sucederá a Jorge Canda, rexedor desde o ano 1995. "Jorge seguirá achegando a súa experiencia", sostén o novo dirixente que tratará de achegar "aire fresco" á política municipal.

"Sempre que hai transicións hai dúbidas sobre como pode reaccionar a xente", recoñece Carrera, gañador das eleccións co mesmo resultado que o seu predecesor. Por iso, agradece o "voto de confianza" da cidadanía.

Confesa tamén Carrera que a campaña electoral foi unha das máis "intensas" dos últimos tempos. "Houbo máis candidaturas que nunca e houbo tamén moita tensión pero, con traballo, saíu ben", sostén o triunfador da cita coas urnas do pasado 28 de maio.

Renovada a confianza cos veciños e veciñas, Carrera afronta catro anos de mandato cheos de retos nos que tocará "traballar" por posicionar ao seu municipio como un destino turístico no que a natureza e a beleza da paisaxe debe ser un factor diferencial. "Tampouco desatenderemos aos maiores", promete o novo alcalde tendendo a man a todos os colectivos veciñais. "Necesitamos a colaboración e a axuda de todos os veciños e de todas as parroquias porque a confrontación non leva a nada", pide.

Neste sentido, fai referencia a un dos principais conflitos cos que terá que lidar ao longo do próximos catro anos, que é a xestión dos proxectos de parques eólicos. "Trataremos de buscar unha solución boa para todas as partes sen prexudicar a ninguén, o Concello está para axudar aos veciños", conclúe o mandatario.