De patrulla cos pés empapados

Pontevedra
12 de xaneiro 2016

Os sucesivos temporais que encadeou a provincia nas últimas semanas sacaron á luz unha situación que os sindicatos policiais levaban meses denunciando: o mal estado dos seus medios de traballo. Derivou en conxunturas como que os axentes tiveron que patrullar cos pés empapados polo mal estado das botas ou cos coches filtrando auga

Estado das botas dos uniformes dos policías
Estado das botas dos uniformes dos policías / UFP de Pontevedra

Os sucesivos temporais que encadeou a provincia nas últimas semanas sacaron á luz unha situación que os sindicatos policiais levaban meses denunciando: o mal estado dos medios cos que os policías pontevedreses contan para o seu traballo diario. Derivou en conxunturas como que os axentes tiveron que patrullar cos pés empapados polo mal estado das botas ou cos coches filtrando auga.

O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) de Pontevedra difundiu este martes imaxes dos efectos do temporal nos seus uniformes e vehículos, que evidencian que as furgonetas das unidades de intervención Policial de Vigo filtraban auga polos portelos "coma se das cataratas do Niágara se tratara" e policías de toda a provincia, pero sobre todo os de Vilargacía, mollaban os pés con "unhas botas rotas que levan máis dun ano esperando a que llas cambien".

No caso dos uniformes, o sindicato denuncia que hai policías que levan máis de dous anos pedindo a reposición de pezas. A situación é especialmente grave no caso das botas, pois teñen que levalas no seu día a día e atópanse con que teñen a sola esnaquizada ou están rotas mesmo nas xuntas.

O sindicato engade, ademais, unha queixa sobre a situación dos coches da Unidade Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou Policía Autonómica, pois se trata de vehículos con moitos quilómetros que realizan unha boa parte do servizo por estradas rurais de difícil acceso.

Ante a constatación de que as súas denuncias estaban fundadas, desde a Unión Federal de Policía de Pontevedra piden que "dunha vez por todas" se dote de medios adecuados a todos os policías da provincia de Pontevedra, segundo recolle o sindicato nun comunicado.