O enxeñeiro aeroespacial da NASA, Fernando Abilleira, que recibirá o próximo 4 de setembro a Cebola de Ouro 2023, aproveitará este recoñecemento para protagonizar este venres un relatorio no salón de plenos do Concello de Sanxenxo.
A charla, titulada "De Sanxenxo ao Planeta Vermello", levará aos asistentes a unha viaxe a través da historia da exploración de Marte e o seu impacto nas nosas vidas, así como ao próximo gran obxectivo da Nasa, a recollida de mostras do planeta vermello para o seu estudo na Terra.
Abilleira, con vínculos familiares con Sanxenxo, conta cunha brillante carreira, especializada nas viaxes de exploración a Marte. Leva traballando para a NASA desde o ano 2004 e deu soporte a múltiples misións e estudos relativos ao planeta vermello.
Durante a súa traxectoria, o enxeñeiro pontevedrés participou con éxito nos equipos que fixeron aterrar diferentes robots sobre a superficie de Marte para estudar o planeta, a última delas en febreiro de 2021.
Esta misión, que guía ao rover Perseverance, ten como obxectivo investigar a posible habitabilidade do planeta, buscar sinais de vida pasada, e almacenar as mostras máis relevantes para o seu posible retorno á Terra a través dunha misión futura.
Na actualidade, Fernando Abilleira dá soporte como director de deseño ao proxecto da NASA e a axencia espacial europea para aterrar un rover en Marte, non antes do 2030, o cal tomará mostras do subsolo nas que se buscará material orgánico.