A Facultade de Deseño do campus de Pontevedra celebrará esta semana unha intensa programación formativa dentro do evento Debut 2025, que culminará co desfile de coleccións dos 15 novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
Preto de 200 estudantes participan en dez talleres que exploran desde técnicas de cestaría, patronaxe ou bordado ata a confección de tote bags, impresión 3D aplicada á moda, fabricación de calzado ou dramatización do desfile, en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia e profesionais de renome no sector.
Ao longo deste ciclo, tamén se desenvolven conferencias abertas e mesas redondas, como a que protagonizan as deseñadoras Vicky Cordero e Elena Rial.
Un dos puntos máis destacados do programa é a exposición no Museo de Pontevedra da colección de pezas creadas en colaboración con Bimba y Lola e Palomo Spain, froito dun proxecto de upcycling desenvolvido por 15 estudantes seleccionados.
Estas creacións, resultado dun proceso formativo con responsables das firmas, reinterpretan elementos icónicos mediante serigrafía, bordado 3D ou volumes experimentais, e poderán visitarse ata o domingo 23 no Edificio Castelao.

O contacto directo co mundo profesional tamén está presente nesta edición, con xornadas de empregabilidade nas que o alumnado manterá entrevistas con representantes de recursos humanos de Inditex, Bimba y Lola, Sociedad Textil Lonia, Parfois e Adolfo Domínguez.
O mércores 19 terá lugar unha clase maxistral aberta da estilista Cristina Rodríguez, coñecida pola súa ampla traxectoria no mundo audiovisual, en colaboración cos Premios Feroz.
O punto final será o venres 21, co desfile no Pazo da Cultura ás 20.00 horas, onde se presentarán os proxectos fin de mestrado xunto a propostas do alumnado de primeiro curso, cun custo de entrada de 5 euros.
As coleccións permanecerán expostas ao público durante a fin de semana na sala de exposicións do Pazo da Cultura.