Un decembro completo no Castelo de Soutomaior, con 3.200 visitantes e entradas esgotadas

Soutomaior
10 de xaneiro 2025

As visitas teatralizadas foron, un ano máis, unha das actividades estrela da programación de Nadal e esgotaron todas as prazas en todas as quendas. Asistiron 720 persoas en 24 pases

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior

O Nadal resultou todo un éxito no Castelo de Soutomaior, onde se esgotaron as entradas para as actividades organizadas.

Estas datas de Nadal supuxeron confirmar o éxito deste destino durante todo o mes de decembro, pois preto de 3.200 persoas visitaron o castelo durante o último mes do ano. 

Unhas 2.000 persoas acudiron aos xardíns para gozar da iluminación e do espectáculo de videomapping proxectado na Torre da Homenaxe.

Os datos forman parte do balance relizado pola Deputación Provincial, que destaca o éxito das actividades programadas no Castelo de Soutomaior polo Nadal.

As visitas teatralizadas foron, un ano máis, unha das actividades estrela e esgotaron todas as prazas en todas as quendas. Así, asistiron 720 persoas nos 24 pases programados.

Os contacontos 'Un ratiño na cidade' e 'Unha carta para os Reis Magos' tamén completaron as súas prazas, o que suma outras 120 persoas que se achegaron ao castelo durante as festas.

Tamén destacan o éxito do xogo de escapismo no que se recreou o asalto ao castelo do século X, que tamén obtivo unha moi alta ocupación. Aínda está en marcha e rematará coas últimas quendas previstas esta fin de semana, para as que están xa esgotadas as entradas.