"Decepción" de Dignidade Avogacía Pontevedra tras o encontro con Tronchoni

Pontevedra
25 de setembro 2024

Desde a plataforma critican a ausencia de Diego Calvo, conselleiro de Xustiza, cuxa presenza na reunión fora expresamente solicitada. Afirman que o director xeral de Xustiza optou "por esquivar as responsabilidades da Xunta de Galicia" no conflito do colectivo de avogados

José Tronchoni, director xeral de Xustiza Xunta de Galicia - Arquivo

Este martes 24 de setembro celebrábase unha reunión na Xunta de Galicia entre representantes de Dignidade Avogacía Pontevedra e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

O encontro produciuse tras o compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 11 de setembro, cando llo solicitaron un grupo de integrantes da plataforma nas rúas de Pontevedra.

Á reunión asistiron, ademais dos representantes de Dignidade Avogacía Pontevedra, membros de Marea Negra Galicia de Ourense, Lugo, Ferrol e Santiago.

Estes colectivos critican a ausencia de Diego Calvo, conselleiro de Xustiza, cuxa presenza fora expresamente solicitada pola plataforma.

Segundo indican dende Dignidade Avogacía Pontevedra, esta ausencia "deixa en nova evidencia o nulo interese do presidente da Xunta e do citado conselleiro por dar solución ás reivindicacións dos profesionais que prestan o servizo público de asistencia xurídica gratuíta".

Durante o encontro con Tronchoni, os representantes da plataforma intentaron "poñer o acento e o seu esforzo nas concretas reivindicacións da Avogacía galega".

Non obstante, sinalan que o director xeral de Xustiza "optou por esquivar as responsabilidades da Xunta de Galicia cargando contra os Colexios da Avogacía", a quen acusou de non facilitar datos sobre o custo do servizo e o listado de colexiados adscritos.

Un punto crítico nas reivindicacións é a retribución das gardas. A plataforma lembra que "por unha garda de 24 horas, cada profesional cobra cero euros e que nos partidos xudiciais máis pequenos, as gardas son dunha semana de duración, a custo cero para a Administración".

A sensación tras a reunión é de "aberta decepción", segundo Dignidade Avogacía Pontevedra.

Afirman que "a pauta seguida pola Xunta continúa sendo a de 'balóns fóra'" e que "constátase que a Xunta pretende que este servizo público siga sendo prestado polos avogados e avogadas, á súa propia custa".

Ante esta situación, a plataforma declara que "as medidas de mobilización e cantas sexan oportunas por parte do noso colectivo profesional deben continuar", argumentando que "despois de dez meses de folga e doutras medidas xa adoptadas a situación non se moveu nin un ápice".

Dignidade Avogacía Pontevedra queda á espera de que se concrete unha reunión co conselleiro de Xustiza para presentar directamente as súas propostas.

Tamén esperan recibir o borrador do convenio en negociación cos Colexios da Avogacía, comprometido por José Tronchoni, "de xeito que poidamos tomar noticia do mesmo e achegar canto sexa de interese, antes da súa aprobación definitiva".