Declaran ante a Fiscalía de Pontevedra os tres delegados sindicais investigados por supostas coaccións

Pontevedra
26 de xuño 2018

"Estamos a vivir unha represión da Xunta de Galicia protagonizada tamén polo sindicato SPJ-USO coa axuda da Fiscalía", afirmou Enrique Araújo en referencia á orixe da investigación

Concentración de trabajadores ante o Edificio dos Xulgados na Parda
Concentración de trabajadores ante o Edificio dos Xulgados na Parda / PontevedraViva

Tres representantes sindicais acudiron este martes para declarar ante o fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, en calidade de investigados por supostas coaccións durante a folga da xustiza. Eles son Enrique Araújo (de STAJ), Fina Iglesias e Pablo Valeiras (ambos de Alternativas na Xustiza- CUT).

"Estamos a vivir unha represión da Xunta de Galicia protagonizada tamén polo sindicato SPJ-USO coa axuda da Fiscalía", afirmou Enrique Araújo en referencia á orixe da investigación que achaca a unha denuncia ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia presentada por un delegado de Ourense do sindicato SPJ-USO por supostas coaccións o día da votación do acordo. O tribunal remitiu á Fiscalía de Pontevedra a denuncia.

Para apoiar aos seus compañeiros investigados medio centenar de traballadores protagonizou este martes unha concentración de protesta ás portas do edificio dos xulgados da Parda, onde ten o seu despacho o fiscal xefe "amiguísimo de Rueda". A todos eles Enrique Araújo comentoulles que "non nos gusta estar nesta situación pero estamos tranquilos porque sabemos que dos feitos que nos imputan non ocorreu absolutamente nada".

En concreto citou que non houbo "ningún tipo de coacción" aos membros da mesa electoral, nin aos representantes doutros sindicatos, "non se lle pediu o voto a ninguén nin se tentou presionar absolutamente a ninguén para que cambiase o sentido do seu voto", engadiu o delegado de Staj.

Enrique Araújo reprochou á Fiscalía que estea "actuando como unha parte implicada neste proceso" e criticaron as actuacións que está a levar a cabo, algo que o seu compañeiro Pablo Valeiras non dubidou en cualificar de operación de "caza e captura de tres sindicatos que estivemos en contra do preacordo" e que enmarcou nun "xogo de poder".

Pablo Valeiras tamén expresou a súa "tristeza como sindicalista" pola actitude dun "sindicato amarelo" como identificou a SPJ-USO a quen acusou de colaborar xunto a Comisións Obreiras, UXT e CSIF nun "peche en falso" do conflito laboral na administración de Xustiza galega.

Finalmente Fina Iglesias declarou que como sindicalista "mi deber es defender los derechos de los trabajadores, que fue lo que hice durante todo el tiempo de la huelga" enmarcando a "tensión" vivida na xornada de votación do preacordo como "algo normal ya que la gente estaba enfadada" pola "traición" e o "desgaste" de tres meses de paro.

"No tengo nada por lo que arrepentirme", insistiu Fina Iglesias.